Eccom Galicia: vindeiras regulacións no ámbito urbanístico
Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (Eccom) en Galicia: aberto ata o 15 de maio de 2024 o trámite de consulta pública previa do futuro Decreto que regulará o seu funcionamento no ámbito urbanístico.
As Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (Eccom), son entidades privadas dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, que cumprindo os requisitos técnicos esixidos pola Xunta de Galicia (entre eles, acreditación específica por parte da ENAC), desenvolven actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal.
Deste xeito, as Eccom son un instrumento de colaboración público-privada que, co obxecto de fomentar o emprendemento e a competitividade económica, están autorizadas para intervir nalgúns procedementos administrativos de control municipal, mediante a emisión de certificados, actas, informes e ditames, que poderán ser asumidos pola administración pública competente sen prexuízo das súas competencias. Así, teñen coma finalidade axilizar e simplificar a obtención de títulos habilitantes (licenzas, comunicacións previa ou declaración responsables) sen substituír as facultades da administración.
Actualmente, e segundo os datos dispoñibles no Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal de Galicia (actualizado a data de 24 de outubro de 2023), serían 6 o número de Eccom que dispoñen de habilitación vixente na comunidade autónoma galega.
As Eccom foron creadas pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, co obxectivo de “dar seguridade xurídica ao interesado, a terceiros e á propia administración”, e na procura de que “a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial poida realizarse no menor tempo posible axilizando os procedementos de control”. (1)
Posteriormente, e en execución da habilitación normativa contida na disposición derradeira sexta da devandita lei, ditouse o Decreto 144/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, o cal desenvolveu o réxime xurídico das Eccom. Consonte a dita normativa, as súas facultades de certificación, verificación, inspección e control de conformidade estaban en principio referidas a instalacións, establecementos e actividades; ámbito que parecía limitado inicialmente ás actividades económicas de iniciativa empresarial.
Porén, trala publicación primeiro (i) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e (ii) trala modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia operada a través da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, concretouse a extensión da participación das Eccom no ámbito do urbanismo.
Así, a vixente regulación establece que se poden achegar os certificados emitidos polas Eccom en todos os procedementos “[…] que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo […]” (2); de tal xeito que conforme ás anteriores modificacións normativas, favorécese a participación das Eccom e permítense por exemplo as seguintes axilizacións de trámites urbanísticos:
Os interesados poden presentar nos Concellos, xunto coa solicitude de licenza urbanística ou a comunicación previa, unha certificación dunha Eccom que acredite que o proxecto que se presenta é conforme coa normativa urbanística.
No caso de solicitudes de licenza, o Concello está habilitado para outorgar a licenza asumindo a certificación da Eccom no prazo de 1 mes, sen que sexa necesario solicitar os informes dos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade á legalidade urbanística. O prazo de resolución redúcese incluso a 15 días para determinadas iniciativas empresariais (hostalaría, turismo, produción renovable ou distribución de baixa tensión eléctricas, etc.). (3)
No suposto das comunicacións para obras menores ou a primeira ocupación de edificios, a súa presentación coa certificación da Eccom permite realizar de maneira inmediata o acto de uso do solo ou do subsolo, sen necesidade de agardar os 15 hábiles que se prevén con carácter ordinario.
En todo caso, cómpre insistir en que o exercicio das referidas funcións non substitúe en ningún caso as facultades da Administración, e que as Eccom son as únicas responsables fronte ao Concellos do contido das súas certificacións; risco que deberá estar cuberto polas correspondentes pólizas de seguro, tal e como se establecía xa no artigo 48.2 da referida Lei 9/2013, e posteriormente no artigo 40.2 do Decreto 144/2016, que esixe a constitución dun seguro de responsabilidade civil de 1.000.000 € (cantidade que pode resultar actualmente insuficiente, dadas as maiores responsabilidades que asumirán as Eccom no eido urbanístico).
Neste escenario, e dada a necesidade de desenvolver a regulación legal e avanzar na seguridade xurídica de cara ós Concellos e particulares, a administración autonómica ten previsto promulgar o correspondente Decreto polo que se regulan as actividades das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico; e a tal efecto, dende o pasado 15 de marzo de 2024 e ata o vindeiro 15 de maio de 2024 existe un trámite de Consulta aberta por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, onde poderán ser presentadas cantas achegas ou opinións se estimen convenientes, por vía electrónica a través do formulario habilitado a tal efecto. (4)
Segundo a xustificación ofrecida pola administración autonómica, o obxectivo do futuro Decreto será o de “Establecer a regulación do funcionamento das entidades de certificación de conformidade municipal no ámbito urbanístico para concretar así as especificidades técnico-xurídicas propias do ámbito da intervención na edificación e uso do solo”.
Sen dúbida, o contido deste próximo Decreto autonómico resultará fundamental de cara a dotar dunha maior seguridade xurídica ao réxime das Eccom, e para favorecer un aumento progresivo da súa intervención na tramitación dos títulos habilitantes nos Concellos de Galicia. Hai que ter en conta que estes modelos de colaboración público-privada cada vez son máis habituais, sendo que outras CC. AA. como as de Madrid, Cataluña, Comunidad Valenciana ou Andalucía xa contan con figuras semellantes ás Eccom.
(1) Exposición de motivos da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
(2) Artigo 146 bis da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
(3) Artigo 55 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.