Close
Type at least 1 character to search
Back to top
Una señal del Camino de Santiago en una casa del rural de Galicia

Análise das medidas relativas a creación de solo empresarial en Galicia

Análise das medidas temporais e excepcionais dirixidas á creación de solo empresarial en áreas rurais de Galicia recollidas na recente Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

O pasado 31 de decembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia¹ a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, instrumento normativo que, como ven sendo habitual durante os últimos anos², introduce importantes novidades lexislativas no ámbito tributario (título I), así como en materia enerxética, medioambiental, economía e industria, e urbanismo, entre outras materias (título II).

En particular, no capítulo VIII do título II, introdúcense medidas temporais e excepcionais, en liña coas medidas previas aprobadas no ámbito da comunidade autónoma galega, dirixidas a incrementar as facilidades para a creación de solo empresarial; máis en concreto habilitando a posibilidade de declarar e aprobar proxectos de interese autonómico de creación de solo empresarial en concellos de menos de 20.000 habitantes. Conforme indica a propia norma, estas medidas teñen un tratamento de extraordinarias e limitadas no tempo, e serán aplicables a aqueles proxectos cuxa tramitación sexa iniciada ata o 31 de decembro de 2029.

Estas Medidas temporais e excepcionais dirixidas á creación de solo empresarial concrétanse nos artigos 49 a 53 da referida Lei 5/2024. No artigo 49 defínense os obxectivos destes Proxectos de interese autonómico para a creación de solo empresarial en concellos rurais, polos que se pretende fomentar a creación de solo empresarial en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes, para favorecer a implantación de iniciativas empresariais e industriais en áreas rurais, a redución dos prazos de inicio das actividades económicas, a creación de empregos e o impulso e a dinamización demográficos. Remárcase o carácter temporal e extraordinario desta medida (como xa sinalamos vixente unicamente ata o 31 de decembro de 2029), e aclárase que, dentro das categorías de instrumentos de ordenación do territorio aplicable para a creación do solo empresarial, ostentarán a condición de Proxecto de interese autonómico (“PIA”), de tipo non previsto, consonte as previsións do artigo 8.1.c) da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, e da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Cabe recordar que os PIA son os instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio en Galicia que teñen por obxecto planificar e proxectar actuacións que transcendan o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, no ámbito da implantación de dotacións urbanísticas, creación de solo destinado a vivendas protexidas, ou, no que aquí interesa, da creación de solo destinado á realización de actividades económicas.³

Dentro dos PIA, diferénciase entre de tipo previstos ou non previstos, en función de se teñen por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións previstas ou non nalgún plan sectorial; sendo que, como temos indicado, os PIA para a creación de solo empresarial en concellos rurais como mecanismo excepcional serán de tipo non previsto, debendo en todo caso axustarse aos criterios e obxectivos xerais que establezan as Directrices de ordenación do territorio, e axustarse ao contido dos instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

 

En desenvolvemento do anterior, no artigo 50 da nova Lei 5/2024 establécense os requisitos extraordinarios que a maiores deberán cumprir estas iniciativas para poder acceder á declaración como PIA ao abeiro desta regulación excepcional, a saber:

(i) A área de creación do solo empresarial deberá estar comprendida dentro do ámbito territorial dun ou varios concellos que, respectivamente, teñan unha poboación inferior a 20.000 habitantes.

(ii) A delimitación da área proposta para a creación de solo empresarial deberá incluír, como mínimo, tres parcelas que permitan desenvolver distintas actividades pertencentes aos sectores secundario ou terciario.

(iii) As parcelas propostas deberán estar destinadas, maioritariamente, a pemes.

(iv) A superficie da área proposta para a creación de solo empresarial non poderá exceder de 5 hectáreas.

No artigo 51, partindo de que o procedemento para a declaración e aprobación dos PIA para a creación do solo empresarial en áreas rurais será o previsto na Lei 1/2021, recóllense as especialidades para a tramitación destes proxectos⁴, de entre as cales cabe destacar:

• Na solicitude de declaración como PIA, as persoas ou entidades promotoras deberán xustificar expresamente a inexistencia, a curto prazo, doutras posibilidades reais que permitan a implantación de iniciativas empresariais dentro do ámbito territorial da actuación proxectada. Ademais, tomarase en consideración a existencia de compromisos firmes de implantación de empresas e de creación de emprego no solo empresarial resultante.

• O prazo máximo para a emisión dos informes exixidos polo artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será de 15 días, e o trámite de audiencia regulado na mesma lei, será tamén por un prazo máximo de 15 días. Maior relevancia ostenta o feito de que a declaración como PIA implicará a xustificación da concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia do procedemento necesario para a aprobación do proxecto.

• En canto aos aspectos “de fondo”, resulta relevante que os PIA regulados baixo esta tramitación excepcional poderán afectar calquera clase de solo e mesmo poderán referirse a actuacións previstas no plan urbanístico vixente.

Pola súa banda, o artigo 52 da Lei regula as condicións mínimas que deben rexer o acordo entre os promotores no caso de que as iniciativas de creación de solo empresarial en áreas rurais non sexan promovidas por unha mesma persoa ou entidade, que deberá definir o réxime de dereitos e obrigas de cada unha das partes, en relación co desenvolvemento e execución do proxecto de interese autonómico; e, en particular, deberá recoller a repartición dos custos de execución das infraestruturas, equipamentos e dotacións da área empresarial, incluída a urbanización, así como o seu mantemento e a súa conservación posteriores. Así mesmo, prevese expresamente a posibilidade de que dito acordo inclúa a obriga de constituír, entre todas as persoas ou entidades promotoras, unha sociedade con personalidade xurídica propia que teña por obxecto o desenvolvemento e execución do proxecto.

En todo caso, e para rematar a nosa análise, o artigo 53 da Lei regula a participación das administracións públicas e entidades do sector público nestas iniciativas, de tal xeito que a consellería competente en materia de política industrial e solo empresarial, así como o resto de entidades do sector público autonómico, poderán prestar a súa colaboración e asesoramento ás persoas ou entidades que promovan a declaración e aprobación do proxecto; prevéndose expresamente que as entidades instrumentais do sector público autonómico con competencias na materia tamén poderán adquirir a condición de promotoras do proxecto de interese autonómico (baixo o instrumento xurídico que proceda).

Igualmente, establécese que as entidades do sector público local en cuxo ámbito territorial se vaia desenvolver o PIA para a creación de solo empresarial, e as restantes entidades do sector público con competencias en materia de fomento industrial poderán prestar a súa colaboración e asesoramento, nos mesmos termos anteriormente indicados. En todo caso, prevese expresamente que a participación pública deberá ser sempre minoritaria, non podendo exceder do 40% dos investimentos previstos ou comprometidos.

 

En definitiva, esta posibilidade excepcional e temporal vixente ata o 31 de decembro de 2029 poderá resultar de interese para a creación de solo empresarial nos concellos rurais de Galicia, pois a priori, cumprindo os requisitos analizados, está conceptuada para supor un procedemento máis áxil a tales efectos que a aprobación dunha modificación puntual dun plan xeral de ordenación municipal (“PXOM”) en vigor, ou, por suposto, que a propia elaboración, tramitación e aprobación dun novo PXOM no que se prevea a creación dunha área de solo destinado á actividade empresarial.

 

¹ https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241231/AnuncioC3B0-271224-0002_gl.html
² Así, a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas; e anteriores.
³ Definición establecida na Lei 1/2021 do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (artigo 40.1).

⁴ En todo caso, por previsión expresa, aplicaranse as medidas de axilización procedemental previstas no artigo 25 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

 

Adrián Apolinar FreireOn Tax & Legal

Descargar artículo en PDF